Friday 26 de April de 2024

A Xunta recolle as achegas do sector ovino para reforzar a orde de axudas de prevención ante a fauna silvestre, que o ano que vén duplicará o seu orzamento


— Os representantes das explotacións de ovellas e cabras de Galicia propoñen incluír a alimentación dos mastíns que vixían o gando como novo criterio de valoración e piden que o tempo de resolución das axudas se adapte ao tipo de medida preventiva

— Do Campo comprométese a estudar as súas suxestións de cara á próxima convocatoria e trasládalles que a Xunta seguirá mantendo o seu apoio aos gandeiros ante o impacto para o sector da Orde estatal que aumenta a protección do lobo

A Xunta de Galicia recollerá as achegas do sector ovino e caprino co fin de reforzar e mellorar o contido da próxima orde de axudas para adoptar medidas de prevención fronte aos ataques da fauna silvestre, unha liña que o próximo ano duplicará o seu orzamento inicial.

Así llo trasladou a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, aos representantes da Asociación de criadores de ovino e caprino de Galicia (Ovica), cos que se reuniu esta semana para falar do impacto que terá sobre o sector gandeiro a recente aprobación da Orde ministerial pola que se eleva o nivel de protección do lobo.

Tras confirmarlles que a Xunta fará un esforzo económico o ano que vén para seguir mantendo o seu apoio ao sector primario nun momento “crítico” para gandeiros e agricultores, Do Campo explicou que a incorporación do lobo á Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe) imposibilita a realización de controis poboacionais cinexéticos.

Neste sentido, os representantes de Ovica coincidiron en subliñar o impacto que terá a Orde do lobo para os seus intereses e aproveitaron a reunión para trasladarlle á directora xeral algunhas suxestións con relación á orde autonómica de axudas para previr ataques da fauna silvestre de 2022. En concreto, propuxeron a inclusión da alimentación dos mastíns que vixían o gando como novo criterio de valoración e avogaron por acompasar o tempo de resolución das axudas ao tipo de medida que se vaia implantar, tendo en conta, por exemplo, que a instalación de peches preventivos nas explotacións non é automática e pode dilatarse varios meses.

Por último, tamén lle trasladaron a inquedanza do sector ovino e caprino ante a futura Lei estatal de protección animal polas limitacións previstas con relación ao tempo que poderán desempeñar o seu labor os cans de pastoreo e dedicados a protexer o gando.

Pola súa parte, Belén do Campo comprometeuse a estudar as propostas de Ovica, incidindo en que o seu departamento sempre tenta escoitar as achegas e consideracións que se van facendo desde o sector para tentar actualizar e optimizar o contido de cada nova convocatoria de axudas ás necesidades que lles van trasladando.

Ademais, avanzoulles que a orde de subvencións para medidas de prevención fronte á fauna silvestre do ano que vén partirá dun orzamento de máis de 900.000 euros, dos cales 600.000 euros se reservarán especificamente á prevención de danos ocasionados polo lobo, é dicir, o dobre que os 300.000 euros deste ano.

Comisión parlamentaria
Por outra banda, Belén do Campo compareceu este xoves en comisión parlamentaria para responder a unha pregunta sobre os efectos que terá a recente inclusión do lobo ibérico no Lesrpe para Galicia e particularmente, para o sector primario. Neste sentido, referiuse aos últimos pasos dados desde o Goberno galego para frear a aplicación práctica desta medida, subliñando a recente admisión a trámite por parte da Audiencia Nacional do recurso contencioso-administrativo presentado pola Xunta.

Así mesmo, Do Campo anunciou que o vindeiro 22 de novembro, na Comisión estatal de patrimonio natural e da biodiversidade, Galicia ratificará a súa oposición ao texto do borrador da Estratexia estatal.

Neste sentido, lembrou que o documento se elaborou sen o consenso das comunidades lobeiras, presenta grandes fallos e foi concibido polo Goberno central unicamente como un medio para “instrumentalizar” unha pretendida xestión centralizada da especie por cuestións “meramente ideolóxicas e sen ningún sustento técnico”.

Durante a súa intervención, a directora xeral tamén puxo en dúbida as últimas declaracións do secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, sobre os 20 millóns de euros que destinará o Goberno central o ano que vén a medidas para a prevención e a compensación dos danos ocasionados por esta especie. Ao respecto, lembrou que nin a Xunta nin o sector gandeiro saben a día de hoxe que parte deste orzamento lle corresponderá a Galicia.

Por último, tras incidir en que nin a Orde estatal —na que só figuran 25.000 euros—, nin a Estratexia artellada polo Ministerio contemplan un compromiso plurianual que dea apoio real ás comunidades para xestionar as súas poboacións de lobo, Do Campo considerou necesario que o Goberno central confirme e garanta canto antes a continuidade das axudas estatais anunciadas de cara aos próximos anos.